Científicos da USC descobren un pobo sen Feira Medieval

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) descubriu esta pasada semana un pobo no que non hai ningunha Feira Medieval ao longo do ano.

O achádego sorprendeu a toda a comunidade científica internacional e á sociedade en xeral. Aínda que os membros do equipo de investigación que veñen traballando neste estudo dende fai meses non quixeron facer público o nome do lugar á espera de dar por finalizado o proxecto, “todo apunta a que hai un pobo en Galiza no que non hai ningunha Feira Medieval nin de temática histórica ao longo do ano” segundo declarou o directos do equipo aos medios.

As reaccións ao posible achádego non se fixeron espera e dende a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) afirmaron que de confirmarse porán todo o necesario para que esta situación se solucione canto antes.

Jorge Mira asegura que el creou o universo

Nun artigo publicado esta mesma senama na prestixiosa revista “Science” o famoso físico da Universidade de Santiago de Compostela e divulgador científico, Jorge Mira, asegura que foi el quen creou o universo.

A pesares dos últimos avances que parecian confirmar que o universo se creou a si mesmo a partires da nada, Jorge Mira, asegura no dito artigo que estar farto, “primeiro que si foi Deus quen creou todo o universo, logo que non, que o universo apareceu así de repente, da nada alé, un universo, xa está ben home, xa está ben…o universo creeino eu mesmo con estas manciñas”.

Non se fixeron esperar as voces contrarias ao proposto por Jorge Mira. Tanto dende a comunidade científica internacional como dende a Conferencia Episcopal calificaron de “burda mentira” as palabras do físico galego ao que este respondeu que “Eu creei o universo en media hora, nin me fixeron falta seis días nin un para descansar e como me poña a repartir hostias si que vai haber Big Bang, si”.

 

 

Jorge Mira asegura que foi el quen acabou cos dinosaurios

O famoso científico galego, Jorge Mira, publicou un artigo na prestixiosa revista “Science” no que asegura que foi el o causante da extinción dos dinosaurios.

A pesares de que a extinción dos dinosaurios e de outras especies fai sesenta e cinco millóns de anos é aínda a día de hoxe un tema de intenso debate dentro da cmunidade científica internacional, a teoría maioritariamente aceptada e que tal extinción se debe á colisión dun asteroide contra a superficie da terra ou que nesta se produciu unha gran erupción volvánica.

“Meteorito…, meteorito…, ñiñiñiñiñi…, aquí o menda con estas manciñas”, asegurou Jorge Mira ao ser preguntado polas moitas voces críticas que se pronunciaron sobre as afirmación do profesor Mira. “Nin un grazas aínda en”, sentenciuou.

Feijóo inaugurou “unha cousa tochísima” con “a ostia de cables”

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou onte pola tarde o que él mesmo describiu ante os medios que cubriron o acto como “unha cousa tochísima, flipa”.

“O chisme este, desarrollado por investigadores galegos co financiamento da Xunta, marcará un ante e un despois no mundo da tecnoloxía informática. É unha movida moi dificil de explicar pero eu nunca tal vira, e ten moitísimos cables”, destacou o presidente do executivo galego.

Ademais durante o acto Feijóo destacou a labor de emprendedores e empresas, e o compromiso que ten con eles goberno do PP á hora de axudarlles nos ámbitos da innovación e o emprendemento, tanto co asesoramento e co financiamento, para que poidan seguir facendo “as cousas estas dos ordenadores e do internete mesmo en momento de crisi económica”.

 

Movistar cobrará as chamadas de atención

O operador de telefonía Movistar decidiu comezar a cobrar as chamadas de atención ate o de agora gratuitas. A compañía está informando a todos os seus clientes que dende o vindeiro 20 de maio terán que pagar por todas as chamadas de atención que realicen a locais ou nacionais.

José Luís Antúnez, presidente da compañía sinalou, que todo o que se recaude irá destinado integramente a mellorar o servizo que prestan, “non pode ser que en pleno 2016 alguén non poida chamar a atención tranquilamente por falta de cobertura, comprometémonos a solucionar estes problemas e levar o mellor servizo a todos lados”. Fontes de Movistar apuntaron que dende a compañia se está pensando en cobrar tamén por “recibir a chamada de Deus”, até o de agora exento da factura.

As reaccións non se fixeron esperar. Clientes e asociacións de consumidores recibiron moi negativamente a nova, “non hai dereito, combran por todo” denunciaron algúns, e adiantaron de que de non darse unha rectificación inmediata emprenderán accións legais.

 

A NASA atopa restos da presenza humana na Cidade da Cultura

Un dos principais obxectivos da expedición da NASA á Cidade da Cultura de Galicia era a busqueda de restos que evidenciaran que o ser humano habitou o lugar nalgún momento da súa evolución como especie. Para este fin, os equipos de científicos que traballan neste campo idearon durante meses unha expedición para detectar calquera signo de presenza humana no Monte Gaiás, tanto no pasado coma hoxe en día.

Onte pola tarde un dos vehículos robotizados que a NASA enviou ao Gaiás detectaba un obxecto que, a simple vista e falta dunha análise moito máis detallada, parecía ser unha botella de auga da marca Cabreiroá. O robot sacoulle fotos ao obxecto e recolleu unha mostra do mesmo para o seu estudo.

Os investigadores que levan anos traballando neste proxecto mostráronse moi optimistas xa que de confirmarse o achádego estariamos ante a sorprendente nova de que polo menos un individuo pisou a Cidade da Cultura dende a súa construcción.

 

Unha nai escribindo un Whatsapp bloquea a Gran Vía de Vigo

Unha nai foi detida onte en Vigo pola Garda Civil por un presunto delito contra a seguridade vial, depois de bloquear durante varias horas a Gran Vía viguesa mentres intentaba escribir un Whatsapp.

A muller, con iniciais M.C.G.C., parouse no medio da beirarrúa en plena hora punta co fin de contestar unha mensaxe que acababa de recibir, e a xente que circulaba detrás dela foi reducindo o paso até o punto de que a situación se fixo totalmente insiltible, e en apenas media hora, unha das principais arterias da cidade atopábase no estado que aparece na foto que acompaña á noticia.

De inmediato despregouse un operativo policial para desaloxar a vía e a xente foi reconducida por rúas inmediatas á anterior. Unha vez controlada a situación pasouse á localización e detención da autora do atranco que posteriormente foi conducida ao xulgado número 2 de Vigo e espérase que pase a disposición xudicial nas vindeiras horas.