Pérez Jácome ofrécese a Trump como interlocutor en Ourense

O líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, ofreceuse esta noite ao presidente dos Estados Unidos de América, Donald Trump, como interlocutor en Ourense, mensaxe que lle fixo chegar a través da rede social “Twitter”.

Segundo unha nota de prensa que o propio Jácome lle fixo chegar aos medios, o seu grupo pretende mater unha boa relación coa Administración Trump, “compartimos co señor Trump a maneira de entender a política, nin de esquerdas nin de dereitas, sentido común!”.

“Entendemos que ao mellor non nos contesten á mensaxe xa que agora están moi ocupados, pero sentimonos parte do glorioso proxecto de Trump para facer deste mundo un mundo mellor, Ourense Estado 51!” sentencia o comunicado.

Un lucense leva 37 anos movendo a muralla

Un home de Lugo de 61 anos que responde as iniciais F.R.N., foi denunciado onte pola tarde por un veciño da Rúa Castelao, no centro da cidade, que afirma que “leva polo menos 37 anos movendo a muralla”.

“Dende polo menos o 1990 leva movendo a muralla, pouco a pouco vai facendo a súa finca máis grande, xa gañou para unha piscina e un galpón para un tractoriño pequeno” afirmou José Ramón Castro que decidiu emprender accións legais contra o seu veciño ante a negativa deste a deixar a muralla no seu sitio. “Lévollo dicindo moito tempo, pero nada, cada ano é peor, xa levará uns 5 metros que me comeu para este lado”, sentención José Ramón.

Aínda que intentamos falar co denunciado, este non quixo facer ningún tipo de valoración sobre o acontecido e limitouse a negar as acusacións.

Que pasou hoxe en Chantada?

Nunha casa do concello lucense de Chantada todos seguen evitando comer os polvoróns de limón e seguen na mesma posición na que forón postos o 24 de novembro do pasado ano.

Feijóo ficha por Netflix

Segundo puido saber As Nonticias, a famosa operadora norteamericana está traballando nunha serie sobre sobre o narcotráfico galego e para documentarse fichou ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo.

Pouco trascendeu da noticia da que moitos medios se fixeron eco dende o momento no que dende As Nonticias demos a exclusiva, porén, dende fontes próximas ao presidente dos Peares, este asesorará ao equipo encargado da redacción do guión e non se espera que faga ningún cameo na serie que presuntamente se estreará a finais do vindeiro verán.

Logo do éxito mundial colleitado pola compañía coa serie “Narcos” baseada na vida do narcotraficante colombiano Pablo Emilio Escobar Gaviria, dende a operadora puxeron a súa mirada en Galicia co fin de seguir traballando con este tipo de contidos.

Neste sentido, un dos primeiros nomes que apareceu sobre a mesa para axudar aos guinistas de Netflix na elaboración da serie sería o do actual presidente do executivo galego.

Teo vai a Teo

Teo, referente da literatura infantil, pasou a ponte da Constitución na localidade coruñesa de Teo segundo fontes próximas ao famoso protagonista de obras como “Teo vai en tren”, “Teo vai en barco” ou “Teo vai en avión”.

Segundo estas mesmas fontes, Teo chegou a Galiza o venres pola noite acompañado da súa familia para pasar uns días de descanso na nosa comunidade antes de volver para Barcelona onde está traballando no que será o vindeiro libro da colección que protagoniza e que se publicará o vindeiro ano.

 

Greenpeace pide que se deixe de mandar xente a cagar á marea

Greenpeace emitiu un comunidado no día de onte no que pedia que “non se mande máis á xente a cagar á marea” ante o elevado nivel de contaminación registrado nas augas planetarias por este feito.

O comunicado inclúe un detallado informe realizado polo prestixioso grupo de expertos en Contaminación e Cambio Climático (CCC) da Universidade de Arizona, que cuantifica por primeira vez o vertido de excrementos humanos aos mares e océanos de todo o planeta debido á práctica destaca tradición tan arraigada.

O estudo indica que “como mínimo cada Ana chegan aos mares e océanos de todo o planeta 10 millóns de toneladas de truños coma puños”, unha cifra que podería mesmo dobrarse nos vindeiros anos de confirmarense as previsións máis pesimistas, co impacto que iso suporía para os ecosistemas mariños, segundo afirma o informe.

Dende a ONG ambientalista fan unha chamada á responsabilidade colectiva e invitan a que mellor ” se mande á xente a cagar antre o millo ou de campo” onde os residuos son moito menos agresivos co medio.

Unha señora chega ao médico e pregunta quen é o último.

Os feitos aconteceron onte pola tarde no concello pontevedrés de Lalín cando unha señora, de 68 de idade e de nacionalidade protuguesa, preguntou ao entrar a sala de espera da consulta do ambulatorio: “Quen é o último?”.

Os feitos sorprenderon enormemente aos presentes xa que “dende a instalación das máquinas dispensadoras de turnos e unha pantalla electrónica onde van aparecendo os números e a consulta á que lle toca a cada quen xa case facía moito que ninguén preguntaba quen chegara de último”, afirmou unha das testemuñas dos feitos aínda emocionada.

Os médicos do ambulatorio descartaron que a señora sufrira algún tipo de brote psicótico ou golpe de calor producido polas altas temperaturas rexistradas na localidade e todo apunta a que a lalinense realizou os feitos de maneira totalmente consciente.